
Aprendendo Análise de Datos Astronómicos
Astronomía con datos abertos: a miña viaxe con Gaia
Cando tiña seis anos nas festas da pequena aldea de Tella (Ponteceso, Galicia, España) vin a miña primeira estrela fugaz nun ceo que aínda se vía moi estrelado. Desde entón fascíname mirar ao ceo nocturno e tratar de aprender e entender que hai detrás e por que o universo é como é. Esa curiosidade transformouse cos anos nun interese profundo pola astronomía. Estudei Física na Universidade de Santiago de Compostela, orientado á física de partículas. Con todo a miña traxectoria profesional sempre estivo ligada cara ás tecnoloxías da información e a xestión de proxectos TIC, pero a paixón polas estrelas nunca desapareceu.
No mundo da informática aprendín a programar en Python (non son un experto, nin moito menos) e a traballar con técnicas de análises de datos e machine learning. Durante algún proxectos utilicei estas ferramentas en contornas empresariais (modelos preditivos, clustering, análises de series temporais…) Con todo, ao descubrir o satélite Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA) e a enorme cantidade de datos abertos, sentín que pezas dispersas da miña vida uníanse nun mesmo punto: a programación, a análise de datos e, sobre todo, a astronomía.
Por qué Gaia?
Gaia é unha misión da ESA lanzada en 2013 cun obxectivo ambicioso: cartografiar cunha precisión sen precedentes a Vía Láctea. O satélite mide posicións, distancias e movimentos de máis de mil millóns de estrelas, creando un mapa tridimensional da nosa galaxia que está revolucionando a astronomía moderna.
O que me atraiu de Gaia non son só as cifras impresionantes, se non o feito de que os seus datos sexan abertos e accesibles. Calquera con curiosidade e algo de coñecemento técnico pode exploralos, dende un afeccionado ata os investigadores que traballan a diario con eles. E, como valor engadido para min, trátase dun proxecto europeo que amosa o potencial da ESA.
O porqué de este blog
Este espacio nace cunha dobre intención:
- Personal: quero aprender a analizar datos astronómicos de verdade. Non se trata só de leer sobre astronomía, senon de traballar directamente coa información que nos chega do espacio.
- Divulgativa: documentar o meu camiño, para que outras persoas que comparten este interés atopen aquí un punto de partida, exemplos prácticos e, ogallá, inspiración para os seus propios proxectos.
Non pretendo escribir un manual exhaustivo nin un curso formal. Penso máis ben nun diario de viaxe, un caderno de bitácora onde se mezclen a técnica e a emoción de aprender.
Escribir o blog con entradas periódicas (non me fixo de momento un obxectivo concreto) obligará en certo modo a seguir co proxecto.
Obxectivos do proxecto
A miña meta principal é profundizar en astronomía a través dos datos. Python será la ferramenta coa que traballe, pero non é a finalidade última. Quero familiarizarme co catálogo de Gaia e aprender a consultalo, filtralo e visualizalo, usalo para entender mellor os conceptos astronómicos que se esconden detrás dos números (paralaxe, magnitudes, diagramas de Hertzsprung-Russell, movimentos propios, evolución estelar…). Espero que durante o camiño descubra como se poden aplicar técnicas estadísticas e de machine learning para descubrir patróns nos datos.
No futuro seguramente a curiosidade me levará ata outros catálogos astronómicos, porque Gaia é un excelente punto de partida, pero non é o único.
Qué atoparás aquí?
As publicacións deste blog irán crecendo paso a paso, cun nivel pensado para quen xa ten unha base de Python pero quere dar o salto a traballar con datos astronómicos. A viaje pretendo que teña ceerta estructura:
- Introduccións prácticas aos catálogos de Gaia.
- Exercicios de análise e visualización de datos.
- Explicacións breves dos conceptos astronómicos necesarios para entender os datos.
- Experimentos máis avanzados, procesando os datos con algoritmos de machine learning.
A idea é empezar co sencillo e avanzar pouco a pouco, sen prisa pero con constancia .
Unha invitación
Este blog é, no fondo, unha invitación a acompañarme neste proxecto que ten moito de persoal. Non son astrónomo profesional nin astrofísico. Non son tampouco desenvolvedor de software. O meu interés en astronomíae astrofísica, os meus coñecementos de programación e a dispoñibilidade dos datos de Gaia fan posible que me poida lanzar a aprender e, quen sabe, colaborar coa comunidad científica.
Se che interesa a astronomía, os datos ou simplemente tes ganas de aprender cousas novas, eres máis que benvido. E como indicaba antes, non son un experto desenvolvedor. Se ves que os meus desenrolos teñen errores e queres unirte para facer algo mellor, estás máis que invitado, agradeceríacho profundamente.
Como dixo Carl Sagan,
“Estamos feitos de material estelar. Somos unha forma de que o universo se coñeza a sí mesmo”.
Quizáis, ao explorar os datos de Gaia, poidamos entender un pouco mellor o noso lugar no universo.
Photo: ©ESA